‘O abstracto e o concreto’ de Francisco Curra
Rosario Sarmiento preséntanos a mostra ‘O abstracto e o concreto. Fotografías 1988-2005’ do fotógrafo de Bueu Francisco Curra. Unha exposición que se pode visitar na Fundación Laxeiro de Vigo.
Rosario Sarmiento preséntanos a mostra ‘O abstracto e o concreto. Fotografías 1988-2005’ do fotógrafo de Bueu Francisco Curra. Unha exposición que se pode visitar na Fundación Laxeiro de Vigo.
Estreamos hoxe unha homenaxe musical, do trío portugués Espiral, ao grande “cantor de intervençâo” Adriano Correia De Oliveira. Unha peza ben coñecida, con letra de Rosalía de Castro e música de José Niza, que Fuxan os Ventos incluíra no seu disco Noutrora.
Tamén adiantamos unha das pezas que formarán parte do novo traballo discográfico do grupo Fiandola.
Por último, anunciando os contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, escoitamos as músicas de Henrique Otero “O Gaiteiro Do Fragoso”, Pablo F. Rial e Rafa Crespo.
O tema de hoxe son os libros que soan e para ver como o fan imos falar de dúas obras complementarias, aínda que moi diferentes:
Piano á fuga de Marika Maijala e Juha Virta, traducido por Anu Pitkanen e Charo Baleirón para Hércules Edicións. A historia dun misterioso piano que busca dono e dun pianista que perdeu o seu piano. No libro aparecen outros moitos instrumentos, porque tamén aparece a historia dunha orquestra, Concertos a Moreas, e porque a música tamén está en todos os lugares, como na cidade, só hai que saber atopala. Esta obra foi recoñecida coa mención White Ravens da Biblioteca internacional da Biblioteca de Múnic en 2016, como un dos libros máis senlleiros editados en Finlandia.
A nena e o grilo máis aló de Magín Blanco e Luz Beloso, para Galaxia, un libro-cd ideal para seareiros e seareiras, hai moitos, desa historia orixinal de A nena e o grilo, que quizais xa medraron e teñen ganas de enfrontar un texto máis complexo. A novidade este ano é que as aventuras da nena e do grilo adquiren un formato de obra teatral moi interesante, dado que non son abondosos, por desgraza, os textos teatrais para nenos e nenas en galego.
Ruth Balbís achéganos hoxe a Carballo para coñecer a programación do festival de danza Primavera en danza que se vai a celebrar en Carballo do 26 de abril ao 12 de maio conicidindo así co Día Mundial da Danza, o 29 de abril.
Cada terceiro sábado do mes de abril celébrase, dende hai 10 anos, o Día Mundial do Circo. Máis alá das carpas tradicionais, moitas compañías de novo circo souberon facer evolucionar esta arte milenaria protagonizando aspectos como a unidade conceptual, a dimensión visual da posta en escena e a fusión de varias artes, dende a música en directo ata a maxia ou a performance.
En Galicia, unha das compañías pioneiras, Pistacatro, tanto en formación coma en produción de espectáculos que presentan orixinais mundos ou versións de textos a través da acrobacia ou de números aéreos sen renunciar á homenaxe dos pallasos ou do circo tradicional, preparou unha Gala do Circo no Auditorio de Galicia o pasado domingo.
Igualmente, o número especial de circo que acaba de lanzar a Revista Galega de Teatro, a memoria do legado da Ciudad de los muchachos de Bemposta en Ourense que nos trae o documental Manoliño Ngema estreado esta pasada fin de semana no Play-Doc de Tui ou o premio Feten ao mellor espectáculo de rúa para o dúo compostelán Sincronacidas por Ohlimpiadas, veñen pór de manifesto, xunto con moitas outras actividades organizadas en moitos dos nosos escenarios, que o circo é unha arte atractiva tanto para un plan familiar coma para o público máis esixente que procura nas artes escénicas sorpresa e innovación.
Luis Miguel Crespo achéganos hoxe á figura dun dos compositores galegos máis importantes
no eido da música clásica, que viviu na época coñecida como o Romanticismo musical, e
que foi o que iniciou a chamada “melodía galega” na segunda metade do s. XIX. Falamos de Marcial del Adalid, nado na Coruña no ano 1826.
Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dous textos narrativos de interese certo: o libro de relatos de varios autores Longas sombras na pedra e mais a novela As mulleres da fin do mundo de Daniel Asorey.
Longas sombras na pedra (Urco/Consorcio de Santiago) reúne nove historias escritas por María Alonso, David Botana, Héctor Cajaraville, Cris Pavón e Mariña Pérez Rei que coinciden en reescribir, en clave de ficción alternativa, a(pre)historia de Compostela, imaxinando discursos do pasado da cidade que se apartan do relato oficial. Deste xeito, os diferentes contos do libro van re-creando esa historia paralela de Compostela dende a súa protohistoria ata a época contemporánea, pasando por momentos decisivos como o achado do sepulcro do Apóstolo, as incursións viquingas para saquear a cidade ou a existencia de sociedades masónicas na Compostela de finais do XIX.
As mulleres da fin do mundo (Xerais) é unha distopía que nos amosa o futuro do noso planeta gobernado por un Estado totalitario, onde un Líder Supremo, apoiado por unha igrexa que funciona como brazo ideolóxico armado da súa ditadura, ten sometida e marxinada nos arrabaldes infinitos da Capital do Mundo a gran maioría da poboación. A situación vólvese insostible e desátase unha revolución protagonizada por un grupo de heroicas mulleres, que loitarán pola liberdade e a fin do mundo tal e como ata entón padeceron.
En primeiro lugar, escoitamos hoxe unha das pezas incluídas por Xacarandaina no traballo discográfico co que festexan o seu corenta aniversario.
Seguindo con aniversarios, escoitamos á Coral de Ruada que ofrecerá o vindeiro día 12 un concerto moi especial, dentro dos actos de celebración do seu centenario.
Adiantamos tamén un dos temas que formarán parte do novo disco dos Melidaos (unha das formacións que acompañarán o vindeiro venres á Coral de Ruada).
Por último escoitamos o son de Criatures, un dúo catalán que presentará o seu novo traballo, o vindeiro domingo, en Lume Na Pallleira.