Todas as colaboracións

O libro ’36 personaxes e un can’ explica como preparar un casting

A partir do libro 36 personaxes e un can, de Gustavo Pernas, falamos da profesión do actor e da actriz, da formación permanente, da preparación do casting, da inestabilidade deste oficio, da necesidade de reciclaxe constante.

O dramaturgo despeza os elementos dramáticos e ofrece de xeito lúdico unha serie de exercicios acompañados de pequenas escenas que condensan dramas, situacións grotescas, inesperadas ou cargadas de humor e intriga.

Algo máis ca un manual, este é un testamento dramático dun dramaturgo a pé de escena, na rúa das sociedades urbanas, nas entrañas dos conflitos que están baixo a capa dun filtro social aparentemente feliz.

A Real Filharmonía de Galicia dará un concerto este xoves na Cidade da Cultura

Luis Miguel Crespo, colaborador de música clásica, fálanos sobre o concerto que levará por título “Os camiños de Castela”.

Xa en galego dúas novelas de éxito en Europa: ‘O ano da lebre’ e ‘Pequena Inglaterra’

Esta semana Armando Requeixo tráenos a nova de dúas traducións ao galego de interesantes novelas aplaudidas en toda Europa: ‘O ano da lebre’, do finlandés Arto Paasilinna, e mais ‘Pequena Inglaterra’, da cretense Ioanna Karistiani.

‘O ano da lebre’ —publicada por Rinoceronte en tradución dende o finlandés de Tuula Ahola e Tomás González Ahola— é a primeira das novelas que publicou Arto Paasilinna, afamado narrador que desapareceu o pasado outubro. A historia cóntanos a metamorfose que vai experimentar a vida de Kaarlo Vatanen, un coñecido xornalista atrapado nun matrimonio en crise, quen ve como todo cambia nos seus días logo de atropelar, por casualidade, unha cría de lebre. A partir dese momento, unha serie de circunstancias encadeadas levarano a emprender unha viaxe por todo Finlandia ata chegar aos seus límites co Mar Branco, un deambular xeográfico que é tamén unha viaxe interior na procura da súa liberdade como individuo.

‘Pequena Inglaterra’ —aparecido en Hugin e Munin e vertido dende o grego por Alfonso Blanco— é a obra coa que Ioanna Karistiani gañou o Premio Nacional de Literatura de Grecia en 1997. Unha narración que ten moito de neotraxedia, inzada de personaxes con vidas intensas e, por veces, agónicas, un mundo de mariñeiros da primeira metade do XX que viven as súas xeiras entre o amor, aperda, as renuncias e a sororidade e que conforman unha singular galería de individuos movidos polo destino e as complexas relacións interpersoais.

O CGAC de Santiago acolle a mostra “Without” do artista Juliao Sarmento

Rosario Sarmiento, a nosa colaboradora experta en arte, fálanos sobre a mostra do artista portugués Juliao Sarmento, que foi inaugurada o pasado mes de novembro no CGAC de Santiago de Compostela.

Trioprata publica o traballo ‘Son Da Maía’

En primeiro lugar a música de Trioprata, que veñen de publicar o Libro-CD ‘Son Da Maía’ e que serán protagonistas esta semana (entre outros) dun novo Serán en Compostela.

A continuación uns sons moi especiais, chegados desde Cataluña, dos que é responsable o tocador de banjo Lluís Gómez.

Por último, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, a música de Cantares Do Brión que presentarán o seu segundo disco “A Raís”.

O futuro convértese en pasado: 2019 é o ano en que transcorre Blade Runner

O futuro convértese en pasado: 2019 é o ano no que transcorre Blade Runner. O noso divulgador científico Manuel Vicente compara os ‘captchas’ co test Voight-Kampff que no filme serve para diferenciar humanas e replicantes.

O 20 aniversario de “Mareas Vivas”, na colaboración de Carlos Ares

O 11 de xaneiro de 1999 estreábase Mareas Vivas. O vinte aniversario da serie no centro da colaboración do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

Lemos literatura clásica con ‘Os amigos do Nicolasiño’

Neste Diario Cultural con Montse Pena falamos do libro ‘Os amigos do Nicolasiño” da serie ‘Le Petit Nicolas’, de Goscinny-Sempé . Un clásico da literatura reeditado por ‘Oqueleo’ e traducido por Antón Palacio.

Nathy Peluso e Tarque poñen ritmo a esta fin de semana

O noso colaborador, Tito Lesende, tráenos a axenda de concertos da fin de semana. O sábado 12, estarán no Pazo da Cultura de Pontevedra, a arxentina Nathy Peluso xunto á rimadora galega Wöyza. Ese mesmo día, pero na Sala Capitol de Compostela, actuará Tarque, o cantante de M Clan co seu proxecto en solitario.

Teatro afeccionado co libro ‘A Lola’, de Manuel Ayán

A diversidade de grupos de teatro afeccionado ou escolar ten dado e segue a xerar moitos froitos, tanto para a dinamización no ámbito da creación como da recepción escénicas. Non se pode entender o progreso do teatro profesional galego sen a existencia de colectivos que en distintas comunidades ensaian, escriben, traducen ou experimentan arredor da Arte teatral.

Hoxe fixámonos no libro A Lola, de Manuel Ayán (Laiovento). Un texto escrito para o grupo teatral Argallada de Pontevedra e que nos leva, a través dunha historia tráxica de descubrimiento do pasado de represión, ambición e dogma nacional católico do franquismo, á vixencia da defensa da igualdade, da educación laica, do feminismo, da liberdade de expresión, do respecto á diversidade. Unha trama determinada polo “pasado non ausente”, como se indica no propio libro. Unha das moitas experiencias éticas, democráticas, cívicas, participativas, lúdicas e de aprendizaxe que o teatro afeccionado nos brinda, neste caso a través da fábula de dous mozos que, ao querer casar, descobren que son irmáns, froito de moitas historias ocultas do pasado franquista.

Pin It on Pinterest