Todas as colaboracións

As artes escénicas con Cinema Sticado

Falamos de Cinema Sticado, un colectivo escénico de Cangas, creado en 2012 pola actriz Helena Varela e o enxeñeiro Xosel Díez. Unha compañía que investiga sobre as posibilidades expresivas da mestura de linguaxe audiovisual, teatro de obxectos ou banda deseñada. Unha nova maneira de entender e de facernos aprezar, dende a fronteira, outro tipo de arte escénica posible. Cinema en directo, onde a proxección convive coa exposición do set e de todas as técnicas e artefactos que permiten verlle as tripas e seguir emocionándose coas atmosferas e a maxia do celuloide. Xogo, crítica, misterio, linguaxe figurativa, música creada en directo cos sons duns manipuladores demiurgos.

Tamén repasamos os 35 anos de historia da Revista Galega de Teatro, unha publicación única no mapa cultural galego que documenta, analiza e edita o quefacer teatral en Galicia xunto coa realidade escénica de fóra, y en galego. En 2018 chega ao seu número 95 e ademais de editar e traducir textos dramáticos, a Erregueté segue a ser un espazo de información, debate, crítica  e creación aberto a todas as sensibilidades e maneiras de concibir a arte do teatro, comprometida co tempo presente, co público e coas profesións do teatro.

Galicia, terra de bandas de música

Galicia, ademais de moitas outras cousas, é terra de bandas de música, xa que segundo datos da Federación Galega de Bandas de Música Populares hai 92 bandas federadas, cunha media de 40 músicos. Ademais disto, os premios acadados por diversas formacións fóra das nosas fronteiras acreditan a calidade da que gozan as formacións galegas.

Facendo un mínimo repaso histórico, no caso galego foi no s. XIX cando comezamos a falar de bandas documentadas, e eran sobre todo de ámbito militar. Os directores e músicos destas bandas foron logo responsables en moitos casos da fundación de bandas populares, que comezaron a xurdir a mediados deste século.

Para saber un pouco máis sobre este tema falamos co noso colaborador Luis Miguel Crespo.

‘Michigan/Acaso Michigan’ de Antón Reixa e ‘A través do fume’ de Antonio Piñeiro

Esta semana Armando Requeixo achéganos o comentario de dúas propostas narrativas: o relato autobiográfico ‘Michigan/ Acaso Michigan’ de Antón Reixa e a novela ‘A través do fume’ de Antonio Piñeiro.

‘Michigan/ Acaso Michigan’ é a crónica dos dezaoito días que o polifacético escritor vigués Antón Reixa pasou en coma inducido logo de sufrir un aparatoso accidente en outubro do 2016 cando viaxaba en auto de Galicia cara a Madrid. O relato do propio accidente, a súa longa estancia hospitalaria e a soñada vivencia mental que alí tivo amais das reflexións sobre como este feito traumático cambiou a vida do autor constitúen a cerna dunha narración poliédrica e mestiza, que ten moito de poético e que incorpora un relato en imaxes paralelo de Antonio Segade, complementado por un vídeo seu dispoñible en YouTube ao que se pode acceder directamente a través dun código qr. O libro complétase cun prólogo da poeta Chus Pato e un epílogo epistolar cruzado entre Reixa e o tamén poeta e xornalista Daniel Salgado.

A través do fume é unha narración en flashes ou prosas breves tecidas con fía poética. A través destes pequenos episodios a súa protagonista, a moza emigrante Nina, rememora a infancia a carón de súa nai presidida pola sombra ominosa da ausencia do pai, percorre as intensas e complexas relacións lésbicas e outras experiencias sexuais das mulleres que a rodeaban no tempo da infancia e, sobre todo, lembra e indaga no ambiente melancólico no que se criou e foi conformando a súa personalidade, todo contado dende o presente narrativo, cando se dispón a tomar un avión no aeroporto flamengo de Zaventem para regresar a Santiago e recoller as cinzas de súa nai acabada de falecer.

‘Català-Roca en Galicia. 1956-1976’ amosa a antiga Galicia a través dos ollos dun catalán

Falamos coa nosa colaboradora de arte, Rosario Sarmiento, sobre a mostra “Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976”. A exposición está no Kiosko Alfonso da Coruña e recolle 166 imaxes, algunhas delas inéditas, seleccionadas entre o milleiro de fotografías que Català-Roca tomou nas sucesivas viaxes que realizou a Galicia ao longo de 20 anos. Durante estas viaxes, o fotógrafo percorreu unha trintena de localidades repartidas por toda a xeografía galega.

Entre as imaxes seleccionadas, poden atoparse capturas de lugares como Santiago de Compostela, A Coruña, Noia, Ribadavia, Vigo, Lugo, Bueu ou Cebreiro ou Ourense.

Música de raíz coa coral de Ruada

Na colaboración de hoxe adiantamos os contidos do Lume Na Palleira do vindeiro día 11. Connosco estará, dentro da sección do Recuncho Da Palleta, a Coral de Ruada. Nesa visita festexaremos o seu centenario e falaremos do Premio Xabier Prado “Lameiro”, concedido ao programa na edición deste ano. Tamén adiantamos unha das pezas incluidas no seu segundo disco polo grupo Encrucillada. Un traballo que nos presentarán o vindeiro domingo en Lume Na Palleira.

Lembranza do cineasta Amando de Ossorio

O presidente da Academia Galega do Audiovisual recorda ao director de cine de terror Amando de Ossorio, xusto cando se cumpre o centenario do seu nacemento.

Relata deste director coruñés como exercía o seu traballo con paixón co único obxectivo de impresionar e público e conta a anécdota de que, para facerse coñecido, pagaba a un camareiro do Café Gijón para que dixese en voz alta “señor Amando de Ossorio, ao teléfono”.

Carlos Ares tamén fai balance do Festival de Cine Fantástico da Coruña e relaciónao co Samaín.

Recomendación de películas para ver en Cineuropa

Hoxe falaremos de Cineuropa, que comeza o día 7 en Compostela. Cita obrigada para porse ao día no cine mundial. Na que haberá moitas proxeccións das que salientamos e recomendamos as seguintes: ‘Entre dos aguas’ de Isaki Lacuesta, a película inaugural de ‘La noche de los doce años’, ‘Loro’  de Sorrentino e ‘La estrella errante’ de Alberto Gracia.

A natureza e o rural na literatura

Montse Pena Présas fala hoxe do mundo da natureza e do rural, a través de dous libros: “A formiga fóra do carreiro” de Raquel Castro, ilustrada por Ángela Álvarez Paula, obra de teatro recentemente publicada pola editorial Galaxia e mais un álbum ilustrado dun clásico, Xosé Neira Vilas, publicado en 2016.

Festival de danza contemporánea Catro gotas

A nosa colaboradora fálanos sobre o festival de danza contemporánea Catro gotas. O Teatro Ensalle de Vigo acollerá este certame durante as catro fins de semana de novembro. Alí estarán algunhas das producións de baile máis destacadas do último curso.

Unha homenaxe a Gustavo Pernas

Queremos homenaxear ao inesquecible dramaturgo Gustavo Pernas falando da nova Dramaturxia galega. Dúas novas voces, Roi Vidal e Ernesto Is, entre as moitas e diversas que seguen a alimentar o teatro de noso, coa riqueza da lingua a engrandecer o palco, coa frescura dos novos formatos, con renovados compromisos dun teatro que nos observa e nos pon distintos espellos poéticos, sarcásticos e de longa perspectiva diante nosa.

Ernesto Is acaba de gañar o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña con ‘Despois das ondas’, unha peza composta con diversos documentos arredor da memoria da actriz María Casares, do seu tempo e da España refuxiada.

Con Roi Vidal presentamos a edición do Premio Abrente de 2017, ‘Poesía. Materiais para montar unha escena de cama’. Un xogo escénico que, tendo como base o desexo dunha parella de facer unha película porno, acabaremos acudindo a unha reflexión sobre o amor e as artes da representación escénica, con todas as súas posibilidades de mestura e goce.

Pin It on Pinterest