Todas as colaboracións

Libros sobre a paz para os máis pequenos da casa

Neste espazo de cultura con Montse Pena Presas falamos de literatura infantil e xuvenil. Hoxe facemos unha viaxe polos “libros para a paz”, xa que o 30 de xaneiro é o día da paz. Aquí temos dúas propostas para idades diferentes.

A primeira delas é a peza teatral ‘A derradeira bala’, de Fernando Castro Paredes. Esta obra publicada pola Editorial Galaxia está dirixida a un público adolescente.

O argumento céntrase no encontro cun soldado represaliado que vai ser asasinado por dúas irmás condenadas a facelo por formar parte da xerarquía militar, aínda que se formulan os motivos de que ocorra isto.

A obra presenta un xogo co absurdo e co humor ante unha situación de inxustiza e de conflito social, que permite ridiculizar os totalitarismos.

Esta peza amosa a importancia da compoñente social nas obras dramáticas dirixidas á infancia e á mocidade.

A segunda obra que comentamos con Montse Pena é o álbum ilustrado ‘O nacemento do dragón’ de Wang Fei, Marie Selier e Catherine Louis. Esta peza foi traducida ao galego por Fernando Moreinas e reeditada por Kalandraka.

A nosa experta Montse Pena analiza a relación coas tradicións populares chinesas, contando parte do seu argumento. Tamén comenta as ilustracións, que podemos relacionar coa técnica de gravado e co xogo das cores intensas.

Tamén explicaremos o motivo polo cal esta obra é unha porta á paz, mais tamén á interculturalidade, ao achegarmos dun xeito ben suxerente á cultura chinesa.

O libro ‘Pedagoxía do oprimido’ educa para ser libres

Hoxe falamos de “educar para ser libres” a través da ‘Pedagoxía do oprimido’ de Paulo Freire, con tradución de Ramón Nicolás e publicado en Kalandraka.

Unha obra que pode interesarlle  ao profesorado con ganas de repensar a práctica educativa, ás filósofas con intereses no mundo da educación e, en xeral, a calquera persoa que se interese pola educación como xeito para transformar as sociedades.

Lemos literatura clásica con ‘Os amigos do Nicolasiño’

Neste Diario Cultural con Montse Pena falamos do libro ‘Os amigos do Nicolasiño” da serie ‘Le Petit Nicolas’, de Goscinny-Sempé . Un clásico da literatura reeditado por ‘Oqueleo’ e traducido por Antón Palacio.

Os libros que explican os porqués das cousas

Montse Pena Présas fálanos de dous libros que nos contan os porqués das cousas. O primeiro é ‘Puf! Vaia peido. Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes!’ de Luísa Martínez Lorenzo, un álbum ilustrado que publica a Editorial Galaxia. Esta obra achéganos a diferentes criaturas do mundo animal e vexetal que teñen en común ter nomes divertidos e que buscan unha certa complicidade co lector.

O segundo é ‘A ciencia do día a día. Respostas rápidas para preguntas enxeñosas’, con texto de Caterina López Rigo, publicado por Edicións Xerais. Un libro de preguntas e respostas recomendado para nenos e nenas curiosas.

Unha viaxe polas páxinas de ‘O bestiario científico de Anxos Nogueirosa’

Montse Pena Présas comenta hoxe “O bestiario científico de Anxos Nogueirosa” de Antonio Manuel Fraga, novela xuvenil publicada pola editorial Urco e que recibiu o Premio María Victoria Moreno de Literatura pola Igualdade.O libro conta a historia dun neno, Susiño, que vai pasar unha tempada ás colonias do sanatorio de Oza e coñece alí a Tila, unha nena que garda con moito misterio un bestiario científico elaborado pola súa tía Anxos e que quere completalo. Un dos mellores libros do ano da LIX galega.

Cando a literatura é o mellor agasallo de Nadal

Montse Pena Présas fala hoxe de agasallos especiais e do espírito de Nadal, en xeral, xa que se achegan estas datas. Recoméndanos os libros “O Nadal de Ernesto e Celestina” de Gabrielle Vincent, que se acaba de publicar en Kalandraka en tradución de Tamara Andrés e “O agasallo de Anya” de Sabela Núñez Singala, un texto moi singular de 2013 (Galaxia), ilustrada por Xosé Tomás.

As froitas, protagonistas da literatura infantil e xuvenil

Hoxe a cousa vai de froitas, porque falarei de dous libros que teñen esta temática en común. Comezarei por “O xeito das froitas” de María Reimóndez, ilustrado por Alicia Varela en Oqueleo.

Publícase a segunda parte da aventura en galego de Pippi Mediaslongas

Hoxe o espazo de LIX estará dedicado a Pippi Mediaslongas e a esa segunda parte das súas aventuras que acaba de tirar Kalandraka, traducidas por David Álvarez Martínez. Unha nena rompedora, impaxinativa e crebarregras, que revolucionou a literatura infantil dos mediados do S.XX.

Literatura para loitar contra a violencia de xénero

Hoxe, a nosa colaboradora Montse Pena Presas fálanos de literatura feminista. Hai dous libros que son pioneiros nos temas que abordan:

En primeiro lugar, ‘Rapazas’ (1993) de Agustín Fernández Paz, un libro de relatos clásico polos temas que aborda: o deporte feminino, a necesidade de colocar mulleres en postos de poder tamén na escola, a procura por unha escola coeducativa, as non diferenzas por motivo de etnia. Durante moito tempo se puido considerar un manual literario de coeducación pola súa claridade, que non por iso era menos literario.

En segundo lugar, ‘A cabeza da medusa’ (2008) de Marilar Aleixandre, unha obra que fala ás claras da violación que sofren dúas rapazas de instituto, Lupe e Sofía, e das reaccións que se producen ao seu redor, que son tamén outras formas de violencia.

Poesía para os máis pequenos

Este venres Montse Pena Presas trae unha proposta para achegarlle a poesía á rapazada: o libro ‘Paseniño, paseniño’, de Antonio García Teijeiro. Unha homenaxe a Rosalía de Castro con ilustracións de Marcos Viso que reedita Edicións Xerais e inclúe un CD con poemas recitados polo autor.

Pin It on Pinterest