Destacados

Poden unha miñoca e un coello ser amigos?

“Miñoca atópase con coello e, aínda que ao principio parecen non facer boas migas, axiña se decatan de que a amizade está moi por riba das diferenzas… Ou, se cadra, non tanto.” Así reza a sinopse de “Miñoca e Coello”, o novo conto de Ramón D. Veiga que ilustra Iván R. Precisamente polo Diario Cultural pasou Ramón D. Veiga a falarnos desta súa nova publicación en Xerais.

 

’21 poetas do século XXI’, a novísima poesía galega

Zaira Ferradás, Silvia García Fernández, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez Riopedre, Paula Varela, Noé González Alamino, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago Suárez, Lorena Fernández Iglesias, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco, Ángela del Canto Soláns, Andy da Fonte e Ana Fraile Somoza.

21 poetas galegos que este 2021 fixeron 21 anos ou menos. Esa é a premisa coa que Aira Editorial se lanzou á procura da poesía máis nova, da novísima, que se está facendo actualmente en galego, e a que protagoniza esta antoloxía, 21 poetas do século XXI, coordinada por Carlos da Aira.

A poesía ten moitos xeitos de mostrarse. Acostumamos a lela sobre o papel, pero as palabras toman moitas formas diferentes e iso é algo que saben ben estes poetas novísimos. As stories de instagram son un dos espazos máis prolíficos para a nova poesía. Se tes menos de 21 anos e escribes poesía é moi probable que nunca publicaras un poemario, pero si que teñas unha colección de stories coa que compartir versos cos teus seguidores. Lonxe de ser unha banalización da poesía, se é que iso é posible, a poeta Alba Cid destaca desta escolma precisamente iso: a súa capacidade de mirar máis alá das convencións do papel e atopar poesía entre o ruido das redes.

21 poetas do século XXI ten esa habilidade de escapar dos centros. Ben sexan editoriais, de pensamento, de idade, por suposto, ou xeográficos. O coordinador, Carlos da Aira, procurou conscientemente escapar do que el chama “a prevalencia do eixo A Coruña – Santiago – Vigo” e tirar máis cara o interior. Cómpre sempre ler aos máis novos, e aquí temos a mellor oportunidade.

 

Agasallar con arte

Ideas para regalar obras artísticas por Nadal na galería Artby’s da Coruña e na tenda de arte especializada en fotografía Cuarto Pexigo de Santiago.

Un día ao ano para Cunqueiro

Mondoñedo celebra o Día de Álvaro Cunqueiro o 22 de decembro, a data de nacemento do escritor. Este ano as  conmemoracións inclúen unha nova exposición na casa-museo de Cunqueiro e un libro de Claudio Rodríguez-Fer sobre as conexións entre o mindoniense e Jorge Luis Borges.

Tolkien en galego

As obras máis coñecidas de Tolkien están traducidas ao galego: o selo Sushi Books ofrece ‘O hobbit’ e ‘O señor dos aneis’ en volumes de tapa dura e tea. Falamos do mundo da Terra Media co tradutor e editor Moisés Barcia e varios lectores de Tolkien en galego: Pablo Aguado, da Sociedad Tolkien Española, a escritora Alba Rozas e o libreiro Andrés Fernández Torneiro, de Astora Cómics.

25 anos traballando en lingua

Falamos do presente e do futuro do galego con tres integrantes da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, que promoveu accións e campañas de dinamización lingüística como Gústame o galego, Apego ou Youtubeiras. Conversamos con Anxos Sobriño, actual presidenta, Rosa Moreiras, do servizo de normalización do concello de Ames, e Nel Vidal, profesor nun centro escolar de Culleredo.

‘Somos a pedra’, terceiro disco d´Os d´Abaixo

O sexteto folk publica un novo traballo con máis composicións propias e arranxos elaborados. Conversamos sobre a evolución da banda co seu acordeonista, Santi Cribeiro.

As antecesoras das Tanxugueiras

Cinco mulleres da parroquia malpicá de Mens convertéronse nos anos 70 e 80 nun dos primeiros grupo de tocadoras que aparecían regularmente nos palcos, actuando para o público. A Central Folque publica os libros ‘Pandereteiras de Mens’, de Beatriz Busto Miramontes e ‘O infinito no pé’, de Eva Moreda e Serxio Cobos, ao redor da ribeirana, un dos bailas que practicaban en Mens, hoxe case desaparecido e aínda misterioso na súa orixe e significado.

As dúas obras preséntanse este sábado en Malpica, nunha xornada na que tamén se poderá aprender a bailar a ribeirana.

As novas cancións de Dakidarría

Gabriel Reigosa, do veterano e combativo grupo do Val Miñor, cóntanos como afrontan os tempos pandémicos e preséntanos a súa última canción, ‘Pobo de artistas’ no que reuniron 70 bandas do país. Axiña lanzarán un novo tema, ‘Arrasadeira’.

As bambolinas dos premios Xerais

Os premios Xerais inclúen nos seus xurados lectores non profesionais. Falamos con tres das persoas que formaron parte dosxurados desta edición, que galardoaron obras de Berta Dávila e Ledicia Costas: a psiquiatra Iria Veiga, a creadora de contido María Rúa Rodríguez e o estudante de Xornalismo Dani Portela.

Pin It on Pinterest