Todas as colaboracións

Novos discos de Raconteurs e Hollywood Vampires

Tito Lesende despide a tempada no Diario Cultural das 17:30 coa estrea dos discos de s Raconteurs e Hollywood Vampires. Tamén nos avanza as novas incorporacións ao Festival Noroeste e as actuacións polo Día de San Xoán na Coruña. 

Festivais de danza no verán

Rut Balbís despídese ata a tempada que ven falando dos  primeiros festivais de verán de danza. O primeiro que ten lugar é Danza no claustro  seguido de Corpo a terra, ambos na cidade de OUrense.

Que tal foi a Feira?

Procuramos valorar o resultado de Galicia Escena Pro. Unha edición de transición. Un ano marcado polo debate construtivo, pola necesidade de manter un mercado necesario nun contexto de precariedade, de supervivencia. Escena Galega asume as rendas con reseñables acertos ante unha institución (a AGADIC) cada vez máis desprendida de responsabilidades.

Galicia Escena Pro aposta por innovar en aspectos metodolóxicos (foi valorada moi positivamente a figura do facilitador, levada a cabo por Juan Rodríguez, de Caramuxo Teatro) e de contido (ademais de espectáculos de creación contemporánea moi aplaudidos coma Pink Unicorns de La Macana, tamén se organizaron mesas de traballo coma a coordinada por Sabela Mendoza e Caterina Varela, na que se defendeu unha Escena plural como o reflexo dos dereitos do público de contar cunha oferta diversa acorde á evolución da arte e da profesionalización creativa).

Pero sobre todo, Galicia Escena Pro 2019 déixanos moitas preguntas: cara a onde pode camiñar a creación escénica galega contemporánea? Conta co acompañamento cohesionado da xestión cultural municipal e autonómica? Conta con ferramentas sólidas de mediación cultural? Debater para crecer e profesionalizar ou dotar de maiores recursos as tarefas dos programadores dos teatros, acorde ao nivel acadado nestes máis de 30 anos de profesión teatral galega tamén parece ser unha das conclusións do mercado galego das artes escénicas que se celebrou estes días en Santiago de Compostela.

Coñecemos os Festivais de Música Clásica

Luis Miguel Crespo achéganos as citas musicais do verán no mundo da música clásica con festivais, certames musicais, campamentos, ciclos de concertos… Coñeceremos  algúns deses exemplos de festivais de música clásica para ver como se estruturan, que aspectos contemplan , en que espazos se desenvolven ou  cal é a súa importancia.

Algúns dos festivais de máis renome son o ClasClás en Vilagarcía, o Festival Internacional Peregrinos Musicales en Santiago de Compostela, o Festival Bal y Gay en Foz, o Festival Son As Pontes, MindoMúsica en Modoñedo…

E ademais destes festivais, hai tamén moitas oportunidades de gozar da música clásica e formarse en campamentos que organizan as bandas de música e diferentes asociacións como o II Serán do Gaiás, adicado este ano ás Bandas de Música.

‘O planeta dos simios’ e ‘O derradeiro verán’, traducidos ao galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous clásicos traducidos recentemente ao galego: O planeta dos simios, de Pierre Boulle, e O derradeiro verán, de Ricarda Huch.

O planeta dos simios (Faktoría K) foi traducido por Antía Veres Gesto e narra o extraordinario relato de dous científicos que, no ano 2500, son enviados xunto cun xornalista e un chimpacé a explorar Soror, un dos catro planetas que xiran arredor da estrela superxigante Betelgeuse, por ver se hai vida nel. Cando aterran descobren que si está habitado, mais abraiantemente a especie que goberna nel non é a humana, senón a dos simios, todo o cal sabemos polo propio testemuño destes viaxeiros, atopado moito despois por dous viaxeiros espaciais que dan con el nun manuscrito depositado no interior dunha botella que flota no éter.

O derradeiro verán (Hugin e Munin) foi vertido ao galego por Rosa Marta Gómez Pato. Nesta novela epistolar coñecemos a complexa vida dunha familia da alta burguesía rusa, os Rasimkara, que se ven obrigados a marchar de San Petersburgo en 1906 polas revoltas estudantís que alteran a vida da cidade. Na súa residencia estival os Rasimkara estarán acompañados de Lju, un mozo que fai a un tempo de secretario e escolta de Jegor, o pai da familia e gobernador da cidade, quen se atopa ameazado de morte polos discentes. As peculiares relacións que se establecen entre o mozo —quen ten a misión secreta de acabar coa vida do seu protexido— e a familia Rasimkara constitúen a cerna desta intrigante narración.

Arturo Souto na galería Montenegro de Vigo

Rosario Sarmiento recoméndanos a exposición ‘Arturo Souto 1902-1964’ na galería Montenegro de Vigo.

Falamos da Festa da Carballeira de Zas

Repasamos hoxe os principais contidos musicais da que será a 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas: Tanxugueiras, The Celtic Social Club, Korrontzi e Susana Seivane.

Ademais, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, escoitamos o grupo Airiños Do Mar De Teis, que presentará o seu disco “Terras Irmás”.

Libros para ser donas do propio futuro

Os libros de hoxe están cinguidos por un fío ben finiño, o que define que nós podemos ser donas do propio destino.

O primeiro é Conta nove estrelas de Andrea Maceiras, ilustrado por Paula Mayor en Xerais, premio Lazarillo de creación literaria -recoñecemento que é o máis antigo do estado español. Este libro lévanos a un universo descoñecido, a Galaxia Oma, onde viven a protagonista, Quepi, o seu irmán Udai e o seu avó. Quepi é unha nena diferente, polo seu cabelo azul, os seus ollos da mesma cor e a súa palidez e pola súa capacidade para conectar coa natureza. Por este motivo, o seu avó pídelle que nunca rache as tres normas inquebrantables: ser invisible, permanecer silenciosa e agardar a que se caia o segundo sol do planeta para poder ser vista. Mais un día, cando aparece un bobó, un animal cuxa saliva é corrosiva e fai desaparecer todo o que cae nela, a nena vese animada a seguilo, rompendo así as súas normas. Aí comeza xustamente a aventura e a aprendizaxe.

O segundo libro de hoxe é un álbum ilustrado: Unha historia de Marianna Coppo, traducido por Xosé Ballesteros, para Kalandraka. Ten un argumento ben sinxelo: hai unha serie de personaxes que están a esperar por unha historia que non chega. Un deles rebélase e constrúe a súa propia historia, os outros tres quedan agardando a que esa historia chegue. O álbum pode lerse como dúas historias paralelas que ocorren a un tempo, á da páxina esquerda, na que un coello rosa se afana en protagonizar a súa propia narrativa e a dos tres personaxes que esperan, paralizados. O álbum pode entenderse como unha homenaxe aagardar por Godot e resulta moi interesante para formar lectorado novo, xa que xoga coa ficción dentro da ficción.

Galicia Escena Pro no medio da tormenta

O mercado das artes escénicas galegas ten lugar estes días en varios puntos de Santiago de Compostela e pretende ser un lugar de encontro, compravenda e promoción do noso diverso sector escénico. Galicia Escena Pro xa non é un mercado organizado pola Administración, senón coordinado pola Asociación profesional Escena Galega, en colaboración coa AGADIC.

A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a potestade de marcar as pautas da política teatral galega, pero nestes días aparécenlle máis problemas ca propostas e plans directores, inexistentes nestes últimos anos. O sector denunciou esta fin de semana graves irregularidades no Centro Coreográfico Galego co gallo da estrea do espectáculo Maestro Rodrigo no Teatro Colón da Coruña. A renuncia de Fefa Noia á Dirección do CDG acompañou ao Director da Axencia dependente da Consellería de Cultura ao Parlamento, onde foi preguntado polos plans e propostas de mellora para un centro asfixiado pola burocracia e sen posibilidades de acción dilixente e acordes á súa actividade.

O fomento da actividade e da iniciativa privada, crecente e dinámica, é incompatible cuns organismos públicos sólidos e eficientes no sector escénico? Debe o teatro galego fiar a súa sorte ao funcionamento discutible de Galicia Escena Pro? Por que a proxección exterior do teatro galego non se considera estratéxica? Cumpre a Administración pública os seus mandados con respecto á madurez creativa e ás potencialidades do sector teatral galego? Preguntas que convén pór enriba da mesa nestes días de feira e tormenta.

June Crespo Premio Internacional de Arte da Fundación Mª Jose Jove

Rosario Sarmiento preséntanos a June Crespo, a artista galardoada co VII Premio Internacional de Arte da Fundación Mª Jose Jove e adiántanos a remodelación  das salas do Museo de Belas Artes de A Coruña, pasarán a incorporar  fondos procedentes do Museo do Prado, Museo Reina Sofia, Circulo de Belas Artes e coleccións privadas.

Pin It on Pinterest