Todas as colaboracións

Lemos ‘Liñas compartidas’ e ‘O paraugas na raiola e outros relatos’

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dous libros de contos: Liñas compartidas, un volume colectivo de máis dunha vintena de voces, e O paraugas na raiola e outros relatos, de Paco Rivas.

Liñas compartidas (Toxosoutos) é o resultado do esforzo comunal dos vinte e dous participantes no obradoiro de creación que, baixo o título de Historias no espello, impartiu o narrador Antón Riveiro Coello entre setembro e outubro do pasado ano no concello de Rianxo. O que aquí se ofrece é o froito daquelas sesións de traballo, que se concretan nesta publicación de máis de catrocentas páxinas e dúas ducias de contos, algúns asinados colectivamente e outros de autoría individual, historias ben diversas tanto nas temáticas abordadas coma nos motivos, ambientacións e estilos ensaiados.

O paraugas na raiola e outros relatos (Baía) é un conxunto de oito narracións do profesor, filólogo e escritor norlucense Paco Rivas. Ambientadas nos eidos da beiramar cantábrica, continúan a liña aberta polo autor en Mar..usía. Relatos salpresados (2017) e convídannos a coñecer historias e personaxes nas que non falta o humor, o lirismo, a fabulación, a crítica social, o xogo metaliterario e mesmo a épica.

Lévedo, un proxecto musical de Bouba e A Máquina de Mallar

Comezamos a colaboración de hoxe presentando a Lévedo, un proxecto de confluencia entre as propostas musicais das pandeireteiras Bouba e da Máquina De Mallar. O resultado é unha orixinal fusión de tradición e rock progresivo.

A continuación unha mostra das novas incorporacións ao cartel deste ano do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira: Stolen Notes e Andrés Penabad.

Por último, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, escoitamos o grupo Arxe, que presentará o seu primeiro traballo discográfico.

Sleater-Kinney prepara disco e xira

Matías Tarrio achéganos hoxe a un dos grupos femenimos máis representativos do rock alternativo estadounidense: Sleater-Kinney.

Ciencia e televisión

Manuel Vicente ensínanos neste Diario Cultural a relación da ciencia coa televisión.

Chega a Coruña o S8

Beli Martínez fálanos do Festival S8, a Mostra de Cinema Periférico de A Coruña

Propostas literarias para coñecer mellor o planeta

Montse Pena fálanos de obras para coñecer mellor o planeta e para facernos consciente do que estamos a facer con el.

A primeira proposta é Animalia 2. Branco de Xosé Tomás en Xerais. Un conxunto de  tiras máis ou menos cómicas  sobre o mundo animal no ambiente polar. De aí o subtítulo da obra, “branco”, que remite por contraste ao que foi o primeiro volume da serie, ese animalia “verde”. En realidade pola obra van pasando todo tipo de cuestións “humanas” que, sen dúbida, aluden a quen le: dende a envexa (que fai un loro con esa exuberancia de cores no Ártico), a frustración -o fracaso dun lobo que montou unha fábrica de conxelados no Polo Norte-, o medo -o pesadelo dun osiño cos abrigos de pel-,ou o estupor, propiciado polas excursións da terceira idade ao Ártico protagonizada por animais da selva. De feito, o creador anímanos a ler esas viñetas en clave humana, pedíndonos dende o comezo que coloquemos unha cara de persoa neses animais.

A outra proposta é un libro tamén moi especial, que tamén forma parte dunha serie, aínda que non se trate dunha obra de ficción. É Inventario de froitas e verduras de Virginie Aladjidi e Emmanuelle Tchoukriel, traducido por Fernando Moreiras para Kalandraka. O libro propón unha aproximación implecable ao mundo das froitas e das verduras, cunha chea de curiosidades e cunha representación gráfica que combina a fermosura coa precisión na súa representación. A obra é un magnífico convite a saber curiosidades sobre as froitas e as verduras que quizais descoñeciamos, por exemplo, a saber que tamén hai berenxenas brancas, a coñecer a planta das lentellas ou a ser consciente de que piña é unha palabra da lingua guaraní que significa “perfume dos perfumes”. Un libro diferente para gozar del en familia e aos pouquiños, imprescindible -este ou calquera dos da súa colección- nunha biblioteca familiar con variedade de títulos e de formatos.

Novos discos de Santana e Bruce Springsteen

Tito Lesende fálanos do retorno de dúas vacas sagradas do rock internacional a piques de estrear novos discos: Santana (coa voz de Concha Buika) e Bruce Springsteen. 

Coñecemos o Galicia Escena Pro 2019

A nosa colaboradora de artes do movemento, Rut Balbís, recoméndanos o mercado de artes escénicas Galicia Escena Pro 2019 que se celebrará do 10 ao 13 de xuño en Santiago de Compostela.

Centenario da Coral de Ruada de Ourense

Unha exposición de alumnado de Escenografía e unha posta en escena dun texto de Xavier Prado Lameiro no cal participou alumnado da ESAD xunto cos membros da centenaria Coral, engalanaron estes días as rúas e o Teatro Principal de Ourense para divulgar o que supuxeron aqueles Coros, os seus Cadros de Declamación e a actividade escénica durante o Rexionalismo e a época das Irmandades da Fala, tanto para a dignificación do idioma como para o asentamento dunha tradición de noso na cultura escénica popular.

A versión escénica desta Retirada de Napoleón, de Prado Lameiro, mantén os elementos característicos daqueles espectáculos. Este traballo, presentado o 31 de maio no Teatro Principal de Ourense, estivo coordinado por profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, xunto cos membros da Coral. Mestura e une a interpretación cómica de personaxes tipo, con elementos costumistas, música, baile e o canto final do Himno Galego, como era costume e tradición. Pero sobre todo, con estas actividades mestúrase tradición, historia, patrimonio, traballo documental e novos valores. O traballo coa comunidade e con distintos axentes culturais fará máis sensible e mellor a unha profesión en formación que, pola súa banda, fai sentir fresca e dinámica a unha institución coma a Coral de Ruada, depositaria de parte inconmesurable da identidade e da memoria cultural dun país.

Lemos ensaios de Teresa Moure e Diana Varela

Esta semana Armando Requeixo invítanos á lectura de dous interesantes ensaios: Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, e mais Linguística Eco, de Teresa Moure.

Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento) é un conxunto de preto de dúas ducias de prosas nas que a poeta e narradora Diana Varela Puñal incide en cuestións varias que xiran arredor dos conceptos de identidade, poesía e ética. As nocións de galeguidade e nacionalismo, o pensamento ético en relación coa educación na non violencia ou o culto ao feísmo, amais do papel da escritora na nosa sociedade son outros tantos asuntos tratados nestes escritos, sempre lúcidos e reveladores.

Linguística Eco (Através) é unha ben fundamentada e moi didáctica proposta da profesora e escritora Teresa Moure, quen nos convida a repensar preconceptos cos que nos afixemos a vivir e que escurecen a nosa nítida percepción da imprescindible vivencia ecolingüística que precisa o planeta: as falacias que nos arrastran a distinguir entre linguas ‘fáciles’ e ‘difíciles’, ‘grandes’ e ‘pequenas’, ‘complexas’ e ‘simples’; a ignorancia da abraiante multiplicidade idiomática dos territorios e o espellismo dos monolingüismos estatais; o mito da ‘lingua nai primixenia’ e da ‘lingua universal futura’; ou o espiñento tema da desaparición dos idiomas que, case sempre, enmascara auténticos lingüicidios son outros tantos temas que aborda este fondo e documentado ensaio, que incorpora un prólogo do prestixioso profesor Juan Carlos Moreno Cabrera.

Pin It on Pinterest