Todas as colaboracións

Picasso, Magritte, ou Tàpies no MARCO de Vigo

Rosario Sarmiento recoméndanos a mostra ‘Destacados’ no museo MARCO de Vigo con fondos da Fundación Telefónica.

‘Destacados’ comprende unha selección de pintura, escultura e obra en papel das pezas máis significativas e icónicas da colección, non só polo estilo artístico que representan, senón tamén pola importancia e a transcendencia dos seus autores.

Publícase a novela de instituto ‘Un de nós mente’

A colaboración desta semana de Montse Pena céntrase no libro Un de nós mente de Karen McManus, traducido por Moisés Barcia para Sushi Books.

O libro comeza nun instituto onde aparecen móbiles nas mochilas de cinco estudantes que non son deles. Isto dá pé a que un deles saia da sala morto, porque bebe unha misteriosa auga que lle dá unha misteriosa reacción alérxica.

Un dos grandes acertos da novela son os personaxes. Uns personaxes típicos do subxénero da novela de instituto (a raíña do baile, o atleta, a estudosa, o que cae mal por cotilla, o rebelde…), pero que non responderán totalmente a el, porque a autora nos achega a oportunidade de profundizar nas súas circunstancias e de entender por que se comportan así.

Outro dos grandes acertos da novela é que esta é unha obra que consegue que sigamos lendo e que non queiramos parar de facelo. Cada final de capítulo está pensado para que a lectora quede enganchada da historia, que se nos mostra como aditiva. Todos os personaxes teñen unha axenda oculta que teremos que aprender a manexar. A sorpresa, a necesidade de querer saber e de querer entender, son dous condimentos fundamentais da obra. A isto contribúe, sen dúbida, a variación de voces narrativas, dado que a autora vai empregando a primeira persoa para poñernos na pel de cada un dos protagonistas.

A novela é un bestseller que mestura o xénero negro e o texto de instituto, con prosa clara e fácil de ler, pero que pode axudar a gañar lectores e lectoras. Montse Pena tamén recomenda algunhas lecturas nesta mesma liña, como Rebeldes de Susan E. Hinton ou Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire.

‘Los eternos’ presenta o disco ‘Vientos Solitarios’

O grupo de Cedeira ‘Los eternos’ presenta novo disco, titulado ‘Vientos Solitarios’. Falamos con eles no espazo de música con Tito Lesende.

Falamos do manga

Carlos Portela fálanos de manga

Estréase ‘Soma’, de Javier Martín e o CDG

SOMA é a última produción de Javier Martín, participada polo CDG e coa intervención tamén do escultor Joaquin Jara, do deseñador de espazo sonoro Artur M Puga, do iluminador Octavio Mas e da produción de Sabela Mendoza. Unha peza que indaga dende a escultura e o deseño do espazo nas artes do movemento e cuxo amparo na Compañía pública de teatro resalta ironicamente o lema das coproducións do ente: “porque hai combinacións sorprendentes”. Neste caso o sorprendente tamén é que un espectáculo con forte indagación nas artes do movemento sexa coproducido polo CDG e non polo CCG (o Centro Coreográfico, unidade pantasma irmá e tamén dependente da AGADIC). Sorprendente que non haxa colaboración. Sorprendente que non se pidan explicacións a un centro público creado para o fomento da creación e investigación nas artes do movemento en todas as súas variedades. Sorprendente que a AGADIC manteña no cargo unha dirección canto menos errática do CCG. Mais a noticia é outra: a Directora do CDG dimite, abandona un Teatro ao que a AGADIC tampouco lle prestou moita atención, afogado pola burocracia administrativa e pouco eficiente para a arte.

Das combinacións sorprendentes da Dirección de Fefa Noia e de todo este panorama fican pezas coma SOMA. Unha fronteira entre a escultura e a danza, a beleza do sinxelo, o protagonismo do corpo humano, o concepto da medida e do peso. Unha composición visual que suxire o sino dese lugar co corpo desmembrado no proscenio e un corazón colgado dunha báscula ao final: ás negras para rexurdir e voar.

Ledicia Costas publica ‘Infamia’

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas propostas narrativas ben diversas: dunha parte, a novela Infamia, de Ledicia Costas; doutra, o libro de relatos Vagabundos, solitarios e sentimentais, de X. H. Rivadulla Corcón.

Infamia (Xerais) é un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, profesora de Dereito Penal que chega á cidade de Merlo para impartir clases na súa universidade e acaba inmersa no desvelamento dun misterio: saber que aconteceu coas irmás Giraud, dúas nenas desaparecidas hai vinte e cinco anos en circunstancias sospeitosas. Na súa procura descubrirá que as xentes de Merlo agochan segredos escuros e que tras da verdade hai todo un mundo de témeras ocultacións.

Vagabundos, solitarios e sentimentais (Figurandorecuerdo(s)Edicións) reúne quince historias en que o mar é, a un tempo, o escenario, o móbil narrativo e, en boa medida, tamén o protagonista. Son relatos de vellos mariñeiros, de redeiras e das súas familias. Contos breves nos que a relación co mar serve de porta líquida ao mundo e camiño para a viaxe. Narracións que fan da Costa da Morte un espazo singular habitado por xentes cun aquel senlleiro e nostálxico.

Primeira exposición con traballos de Carlos Maside en Combarro

Rosario Sarmiento invítanos a visitar a exposición ‘Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas’ no Museo de Pontevedra. Unha mostra na que se exhiben por primeira vez unha selección de traballos do autor feitos durante a súa estancia en Combarro entre agosto e outubro de 1952.

O grupo Arxe publicará o seu primeiro traballo discográfico

Ofrecemos hoxe a música do grupo Arxe que vén de superar o obxectivo marcado, nunha campaña de micro-mecenazgo, para a publicación do seu primeiro traballo discográfico.

Escoitamos tamén a proposta do trío Aghrúo e, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, ao grupo de Murcia: Túa e ao de Miranda do Ebro: Noites De Rock E Meigas.

Oliver Laxe galardoado en Cannes

Beli Martínez fala do primeiro premio de Oliver Laxe e ‘O que arde’  á mellor creación sonora debtro da sección ‘Unha certa ollada’ do Festival de Cannes.

Tamén  da estrea en salas de Elisa e Marcela de Isabel Coixet  e da estrea da serie ‘ Alta Mar’ en Netflix.

Dous libros infantís que falan do paso do tempo

Hoxe falamos con Montse Pena de libros que abordan un tema clásico na literatura de todos os tempos: o paso do tempo.

Blackie Books publica en galego Cinco minutiños máis, da escritora e ilustradora Marta Altés, traducido por María Alonso Seisdedos. Un álbum narrado por un raposiño pequeno cuxo pai sempre lles pide a el e ao seu irmán cinco minutos máis. En realidade, a historia fala da xestión do tempo que facemos os adultos, sempre correndo dun lado a outro tirando dos pequenos e pequenas. A narración en primeira persoa por parte dun neno fainos conscientes de que o tempo é, en realidade, o máis importante que temos e que cómpre gastalo no que realmente importa: chapuzar nas pozas ou coñecer novos amigos.

Tamén falamos de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Bululú en 2018. O conto narra a historia dunha nena que dialoga coa lúa porque non pode durmir e comeza a escribir un caderno en que vai contando os cambios que observa no astro, acompañada do seu avó. O libro é un convite a fixarse no miúdo, a observar os elementos naturais e a compartilo coa xente que queremos. As ilustracións son de Dani Padrón, que nesta ocasión apostan polo xogo de perspectivas e por continuar a liña da tenrura, que o leva a que o dueto con Canosa sempre funcione ben.

Pin It on Pinterest