Todas as colaboracións

As variantes do humor na Mostra de Cangas

O humor en todas as súas vertentes orienta a Mostra de Teatro de Cangas.

A gran ofensa, formato televiso procedente de Cataluña que fai partícipe á persoa espectadora converténdoa en xurado popular para ditaminar o veredito duns humoristas acusados por unha vítima do terrorismo por atentar e ofender cos seus chistes ao seu honor. Cando deixa de ser humor un exercicio cómico libre e pasa a ser un delito, por enaltecemento do terrorismo ou incitación ao odio, por exemplo?

Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval amosa un humor apegado a outro contexto explorado polo comediante, que investiga e documenta léxico, anécdotas e historias verosímiles da veciñanza do seu lugar natal. A sociedade, a recepción é a que perfila o humor e a súa eficacia, o grao de tolerancia, o poder e o valor concedido.

Estes días no festival de Cangas podemos tomarlle a temperatura ao tratamento do humor, ao debate que xera e o moito que nos libera, nos proe ou nos remove.

Dramaturxias itinerantes

No mes de xullo celebráronse dous encontros, en Santiago de Compostela e en Vigo, para fomentar os lazos entre a dramaturxia galega e a portuguesa, organizados polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões e a ESAD de Galicia. Agora, o Consello da Cultura presenta na súa web a edición dixital dos dous textos protagonistas das xornadas, Os cans non comprenden a Kandinski de Avelina Pérez e Escudos Humanos. Uma peça de acção com muitas palavras, de Patrícia Portela.

Os textos foron lidos polo grupo de teatro do Camões de Vigo, Eu experimento, dirixido pola dramaturga e directora Vanesa Sotelo e por alumnado da ESAD dirixido pola profesora Nuria Montero. Ambas lecturas e o coloquio moderado polo profesor Afonso Becerra, poden verse tamén na mediateca da web do Consello da Cultura Galega. Son a pegada dun camiño rico, dunha encrucillada de intereses e comunidades culturais, como indicou na presentación a coordinadora da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra.

Que tal foi a Feira?

Procuramos valorar o resultado de Galicia Escena Pro. Unha edición de transición. Un ano marcado polo debate construtivo, pola necesidade de manter un mercado necesario nun contexto de precariedade, de supervivencia. Escena Galega asume as rendas con reseñables acertos ante unha institución (a AGADIC) cada vez máis desprendida de responsabilidades.

Galicia Escena Pro aposta por innovar en aspectos metodolóxicos (foi valorada moi positivamente a figura do facilitador, levada a cabo por Juan Rodríguez, de Caramuxo Teatro) e de contido (ademais de espectáculos de creación contemporánea moi aplaudidos coma Pink Unicorns de La Macana, tamén se organizaron mesas de traballo coma a coordinada por Sabela Mendoza e Caterina Varela, na que se defendeu unha Escena plural como o reflexo dos dereitos do público de contar cunha oferta diversa acorde á evolución da arte e da profesionalización creativa).

Pero sobre todo, Galicia Escena Pro 2019 déixanos moitas preguntas: cara a onde pode camiñar a creación escénica galega contemporánea? Conta co acompañamento cohesionado da xestión cultural municipal e autonómica? Conta con ferramentas sólidas de mediación cultural? Debater para crecer e profesionalizar ou dotar de maiores recursos as tarefas dos programadores dos teatros, acorde ao nivel acadado nestes máis de 30 anos de profesión teatral galega tamén parece ser unha das conclusións do mercado galego das artes escénicas que se celebrou estes días en Santiago de Compostela.

Galicia Escena Pro no medio da tormenta

O mercado das artes escénicas galegas ten lugar estes días en varios puntos de Santiago de Compostela e pretende ser un lugar de encontro, compravenda e promoción do noso diverso sector escénico. Galicia Escena Pro xa non é un mercado organizado pola Administración, senón coordinado pola Asociación profesional Escena Galega, en colaboración coa AGADIC.

A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a potestade de marcar as pautas da política teatral galega, pero nestes días aparécenlle máis problemas ca propostas e plans directores, inexistentes nestes últimos anos. O sector denunciou esta fin de semana graves irregularidades no Centro Coreográfico Galego co gallo da estrea do espectáculo Maestro Rodrigo no Teatro Colón da Coruña. A renuncia de Fefa Noia á Dirección do CDG acompañou ao Director da Axencia dependente da Consellería de Cultura ao Parlamento, onde foi preguntado polos plans e propostas de mellora para un centro asfixiado pola burocracia e sen posibilidades de acción dilixente e acordes á súa actividade.

O fomento da actividade e da iniciativa privada, crecente e dinámica, é incompatible cuns organismos públicos sólidos e eficientes no sector escénico? Debe o teatro galego fiar a súa sorte ao funcionamento discutible de Galicia Escena Pro? Por que a proxección exterior do teatro galego non se considera estratéxica? Cumpre a Administración pública os seus mandados con respecto á madurez creativa e ás potencialidades do sector teatral galego? Preguntas que convén pór enriba da mesa nestes días de feira e tormenta.

Centenario da Coral de Ruada de Ourense

Unha exposición de alumnado de Escenografía e unha posta en escena dun texto de Xavier Prado Lameiro no cal participou alumnado da ESAD xunto cos membros da centenaria Coral, engalanaron estes días as rúas e o Teatro Principal de Ourense para divulgar o que supuxeron aqueles Coros, os seus Cadros de Declamación e a actividade escénica durante o Rexionalismo e a época das Irmandades da Fala, tanto para a dignificación do idioma como para o asentamento dunha tradición de noso na cultura escénica popular.

A versión escénica desta Retirada de Napoleón, de Prado Lameiro, mantén os elementos característicos daqueles espectáculos. Este traballo, presentado o 31 de maio no Teatro Principal de Ourense, estivo coordinado por profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, xunto cos membros da Coral. Mestura e une a interpretación cómica de personaxes tipo, con elementos costumistas, música, baile e o canto final do Himno Galego, como era costume e tradición. Pero sobre todo, con estas actividades mestúrase tradición, historia, patrimonio, traballo documental e novos valores. O traballo coa comunidade e con distintos axentes culturais fará máis sensible e mellor a unha profesión en formación que, pola súa banda, fai sentir fresca e dinámica a unha institución coma a Coral de Ruada, depositaria de parte inconmesurable da identidade e da memoria cultural dun país.

Estréase ‘Soma’, de Javier Martín e o CDG

SOMA é a última produción de Javier Martín, participada polo CDG e coa intervención tamén do escultor Joaquin Jara, do deseñador de espazo sonoro Artur M Puga, do iluminador Octavio Mas e da produción de Sabela Mendoza. Unha peza que indaga dende a escultura e o deseño do espazo nas artes do movemento e cuxo amparo na Compañía pública de teatro resalta ironicamente o lema das coproducións do ente: “porque hai combinacións sorprendentes”. Neste caso o sorprendente tamén é que un espectáculo con forte indagación nas artes do movemento sexa coproducido polo CDG e non polo CCG (o Centro Coreográfico, unidade pantasma irmá e tamén dependente da AGADIC). Sorprendente que non haxa colaboración. Sorprendente que non se pidan explicacións a un centro público creado para o fomento da creación e investigación nas artes do movemento en todas as súas variedades. Sorprendente que a AGADIC manteña no cargo unha dirección canto menos errática do CCG. Mais a noticia é outra: a Directora do CDG dimite, abandona un Teatro ao que a AGADIC tampouco lle prestou moita atención, afogado pola burocracia administrativa e pouco eficiente para a arte.

Das combinacións sorprendentes da Dirección de Fefa Noia e de todo este panorama fican pezas coma SOMA. Unha fronteira entre a escultura e a danza, a beleza do sinxelo, o protagonismo do corpo humano, o concepto da medida e do peso. Unha composición visual que suxire o sino dese lugar co corpo desmembrado no proscenio e un corazón colgado dunha báscula ao final: ás negras para rexurdir e voar.

Falamos de ‘Vida de Cans’, un espectáculo de Talía Teatro

Neste Diario Cultural con Roberto Pascual falamos de Vida de Cans, un espectáculo da compañía Talía Teatro, escrito e dirixido por Cándido Pazó.

Vida de cans é unha alegoría sobre a sociedade moderna, sobre a vida, sobre a liberdade. Cándido Pazó mestura humor, emoción e actualidade nesta nova produción de Talía, un espectáculo asentado no traballo textual e a partir da creación de tres tipos distintos de roles, personalidades ou razas caninas.

Unha escenografía sinxela, que representa o encerro ou recinto cunha fechadura con gran protagonismo visual. Unha peza entretida, efectiva e que nos fai pensar nos costumes, na liberdade, na vida humana coa distancia da mirada canina, ou da perspectiva inocente e rexoubeira do xogo?

As novas tecnoloxías na obra ‘Despois das ondas’

Seguimos falando do uso de novas ferramentas e linguaxes no teatro galego a través do espectáculo “Despois das ondas”, que parte do texto de Ernesto Is, gañador do premio Rafael Dieste en 2017. Un premio convocado pola Deputación da Coruña que agora inclúe nas súas bases a escenificación da obra gañadora. Encárgase da representación a compañía Butaca Zero, con dirección de Xavier Castiñeira.

“Despois das ondas” é un espectáculo teatral e tamén un filme en directo. Inclúe elementos novidosos como a presenza dun sonidista en escena que acompaña as accións proxectadas nunha gran pantalla central. O xogo e o artificio non se ocultan. A peza é unha viaxe pola vida da actriz galega María Casares, exiliada en Francia coa súa familia desde a guerra civil. Nerea Brey interpreta a Casares moza e Belén Constenla encarna a actriz no seu regreso a España nos anos 70.

O teatro e a tecnoloxía dixital

As tendencias escénicas amósannos a forte presenza que a linguaxe do cinema ou o uso de ferramentas tecnolóxicas, dispositivos ou códigos da comunicación dixital teñen na escenificación.

Comezamos este percorrido polo espectáculo Interferencia varada da compañía Xerpo, residente na Sala Ingrávida do Porriño. Esta é unha peza especial para a compañía, de tránsito e de nexo entre a poesía (visual e verbal, cos haikus da escritora Helena Villar Janeiro) e a tecnoloxía.

Dende a vídeoconferencia, a proxección de transparencias, fragmentos de filmes ou unha cámara que recolle primeiros planos e obxectos, toda unha serie de elementos que se mesturan coa estética Wabi-Sabi, a expresión verbal condensada e asombrosa do haiku e a reflexión conceptual sobre o espazo e o tempo.

Un tempo e un espazo adicado á contemplación, á emoción e á visibilización da obra e das descobertas de mulleres pioneiras coma Jocelyn Bell, Hedy Lamarr ou Hannah Courtay. Un posicionamento ideolóxico claro e xusto da directora e do actor (Irene Moreira e Álex Sobrino) con respecto á ciencia, a arte e o feminismo.

Falamos de Neorretranca e posmorriña, do CDG

A única produción da recortada compañía pública de teatro lévanos a reflexionar sobre os tópicos, as imaxes na retina, os cheiros, a realidade crítica, a retranca escénica, a desmitificación, o xogo ou o lercheo, arredor do concepto de identidade galega. Dous textos de Roi Vidal e de Esther Carrodeguas cinguidos na linguaxe escénica pola directora Gena Baamonde.

Se se fala dela é porque existe, aínda que se dilúa. Se nos rimos de nós mesmos, saberemos dos nosos pecados, sen que nos crucifiquen. Se facemos un delirio e un esperpento poderemos superar (ou non) a esencia do rural, do bucólico, do pai mesmo… Aí están os incendios, a Igrexa, o Panteón de galegos ilustres, a romaría gastronómica… Un templo presidido por unha vulva enorme con encaixe dá paso a unha viaxe autobiográfica e histórica sobre a area vermella do nariz de pallaso. Da poesía á épica. Da literatura ao hashtagDo hashtag á coreografía de iconas galaicas nunha galaxia ebria e divertida en varios momentos.

Ata o 5 de maio no Salón Teatro e despois minixira galaica, que remata o 5 de xullo en Vigo.

Pin It on Pinterest