Todas as colaboracións

Teatro para reflexionar sobre os comportamentos da sociedade actual

O teatro, alén da diversión, pode facernos pensar e mostrarnos situacións que reflicten ou nos cuestionan como sociedade e como individuos fronte á autoridade, fronte ao sistema ou diante das dinámicas globais. Somos conscientes de todas as nosas incoherencias? Somos libres? Somos obedientes? Sabemos como somos? Sabemos como nos comportamos?

Falamos do último espectáculo de Redrum, Idiotado catalán Jordi Casanovas, que a través da comedia e da intriga nos fai ver ata onde pode chegar a capacidade de tolerancia e de sacrificio do ser humano diante dos intereses do poder e dos intereses individualistas.

Igualmente, o grupo Chévere e o teatro documento, que tamén tratan os temas relacionados coa nosa historia recente, coas vivencias persoais convertidas en problemática colectiva ou as experiencias escénicas como as Cheverografías, na liña dos alemáns Rimini Protokoll, dramaturxia de intervención no tránsito da rúa, no espectáculo diario, na realidade oculta, na convivencia, na memoria e nas profundidades da existencia.

A visibilidade da muller nas artes escénicas

Marián Bañobre, Tamara Canosa, Laura Iturralde, Cris Iglesias, Belén Pichel, Nuria Sotelo, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, María Roja, Larraitz Urruzola, Marta Pérez, Andrea Bayer, Vanesa Sotelo… Son moitas as creadoras que nos ofrecen pezas en carteleira, mais as preguntas que nos podemos facer sobre a igualdade laboral, a visibilidade, a recepción crítica ou as personaxes e os tratamentos ou a autocensura seguen sendo moitas igualmente. Elas pararán o 8M e moitos outros sectores e homes feministas tamén as apoiaremos. Elas están a mudar moitos aspectos do cotián, mais aínda queda tanto camiño… Elas están a crear e velaquí unha pequena escolma, con dúas novidades que tratan algún asunto relacionado co feminismo, polo tanto coa dignidade: A compañeira de piso e A Gala.

A compañía de Nuria Sotelo presentou en Ourense unha peza híbrida de teatro-danza a partir do universo creativo e biográfico de Maruja Mallo. Un conxunto de escenas que nos remiten ás imaxes, á filosofía e legado de mulleres libres, orixinais e divertidas coma a pintora galega. Faino mesturando humor, metadiscurso, un suxerente espazo sonoro e lumínico, movemento e texto (proxectado, conferenciado e dito de xeito case persoal e espontáneo).

Contraproducións presenta unha posta en escena máis convencional dunha autora americana, Jen Silverman, onde o potencial da historia de convivencia de dúas mulleres moi diferentes nos deixa ver temas próximos, realidades a superar e moita risa liberadora con momentos de emoción cando aparece a soidade ou a asfixiante opresión da moral conservadora.

Pezas para rir, para pensar sobre a situación da  muller hoxe, ao longo da historia ou mañá pola rúa… Mulleres creando e facendo a escena e a sociedade máis libres, máis diversas, máis igualitarias.

Estrea de ‘Carpe Diem’, no 15° aniversario de Producións Teatrais Excéntricas

Tras Vacas, Guerras, Porcos e Cregos de Quico Cadaval, estreado o 8 de xaneiro no Festival Poéticas Contemporáneas de Madrid e Tres Vellas (polo menos), con Celso Sanmartín, José Luis Gutierrez Guti e Cadaval, estreado o 16 de febreiro en Vimianzo, con CARPE DIEM chega a terceira das estreas do 15º Aniversario de Excéntricas. En abril chegará “Cartóons”, o primeiro espectáculo infantil na historia do grupo e que contará no elenco con Josito Porto e máis Víctor Mosqueira. Xa en outubro deste mesmo ano, Carballo acollerá a estrea de Medida por Medida de William Shakespeare, con Melania Cruz, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas e Josito Porto.

Carpe diem, que se estrea hoxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela, é unha adaptación da novela do escritor brasileiro Rubem Fonseca. Unha comedia negra, unha historia de amantes que se deixan inspirar polo cinema dos anos 50, o ritmo e a festa de Río de Janeiro, a procura de desexos non explorados nas súas respectivas relacións de parella, as novas emocións e mesmo un toque de thriller cando planifican dar morte ás súas parellas. Unha peza que se contrúe por fragmentos das aventuras, cartas, cancións e música en directo, secuencias cinematográficas proxectadas e a voz dun narrador que intervén na fábula e vemos sentado a modelar a vida destes seres na mesa do seu escritorio.

Publícase a reedición bilingüe dos Premios Rafael Dieste

A Asociación de Directores de Escena de España abre nova colección coa reedición de Ei, Feldmüle! de Xesús Pisón, primeiro premio Rafael Dieste, do ano 1991. Grazas ao apoio da entidade organizadora, a Deputación da Coruña, unha das administracións públicas que máis constante e cualitativamente apoiou e continúa a estimular a creación dramática galega, a ADE presenta unha edición crítico do texto traducida tamén ao castelán e que, polo tanto, favorece a difusión exterior do noso patrimonio teatral e da creación escénica galega.

A peza é unha alegoría ecoloxista, con notas vampíricas, simbólicas, cómicas, escatolóxicas e absurdas, que nos traen o eco dun teatro que transita do expresionismo e do enxebrismo documental en clave de farsa da xeración Abrente á nova Dramaturxia galega dos 90, na procura de novas formas e referentes artísticos. Un texto que, coma todo o corpus e o capital histórico da cultura teatral convén revisitar, para aprezar, valorizar e recoñecer camiños e aperturas que xa se levaron a cabo hai tempo, mais que continúan a iluminar moitas posibles escenas do presente. Para non querermos, tampouco, inventalo todo de novo.

A actuación da compañía italiana Motus no festival Escenas do Cambio

Son escasas as oportunidades de acceder, nos escenarios galegos, aos espectáculos escénicos internacionais ou a aqueles, cando menos, que máis repercusión teñen en circuítos internacionais. A Santiago de Compostela chegou MDLSX, da compañía italiana Motus, un dos grupos máis premiados, innovadores e recoñecidos pola cualidade das súas investigacións e creacións en todo o mundo.

O espectáculo que presentaron no marco do festival Escenas do Cambio é unha mestura de himno lisérxico e documentos autobiográficos poetizados pola selección musical, a suma dramática do movemento e da luz manipulada en escena pola propia actriz. Unha reflexión sobre a identidade sexual e a construción heteronormativa do concepto de xénero. Unha lembranza dura de momentos dolorosos no social, no familiar, no sanitario e un alegato á liberdade, á capacidade de actuar por un mesmo nos momentos máis complicados da vida. Unha exposición lúdica e potente do significado do terceiro xénero ou do xénero neutro dende o propio corpo e a memoria da actriz que colide coa fabulación.

Un manifesto escénico, activismo teatral, un terreo magmático que converte o teatro en alegato movilizador a favor do respecto e da tolerancia pola diversidade. Espectáculo que activa e nos constrúe, onde a anécdota persoal se converte en relato artístico e social.

A compañía ‘Voadora’ presenta un novo espectáculo

Unha nave espacial? Un espazo galáctico? Unha zona de baile? Un lugar mental? Un terreo metafórico? Polo novo espectáculo da compañía Voadora desfilan Elvis, a razón e a fe que van de paseo, un meteorito, a sonda Voyager, debuxos en movemento coas gamas cromáticas rgb, relatos de acontecementos dos anos 90 entre Compostela e a NASA, debuxos de seres humanos en movemento e sobre todo música, moita música.

Voadora volve ampliar o terreo, a mirada e o concepto do teatro cunha peza que nos convida a bailar, a sorprendernos coa aparición dunha astronauta que aprende a coller unha lata nun expendedor de bebidas e a rir da imperiosa necesidade humana de querer entendelo todo.

Hemos venido a darlo todo é a paisaxe dunha galaxia incerta pero potente, onde a humanidade cae en extinción e aparece a poesía. Un cúmulo de referencias, conceptos e datos nunha viaxe sideral dun teatro que sente, latexa e nos levanta con entusiasmo da butaca.

Estréase a obra ‘O empapelado amarelo’

O feminismo chega aos escenarios coa estrea de O empapelado amarelo.

A pasada fin de semana tivo lugar en Ourense a estrea do espectáculo O empapelado amarelo, do novo colectivo A quinta do cuadrante. Con interpretación de Melania Cruz, dirección escénica de Tito Asorey, deseño de espazo escénico de Laura Iturralde, indumnetaria de Renata Uzal e espazo sonoro e grafismo de Lucía Estévez, esta peza é unha escenificación de aspectos autobiográficos de Charlotte Perkins, unha intelectual americana multidisplinar de finais do S.XIX, con partes metateatrais que nos permiten reflexionar sobre a esencia da creatividade, o nacemento do feminismo, o papel das mulleres na sociedade, os roles e o respecto nas relacións interpersoais ou a defensa da liberdade individual.

O deseño do espazo escénico e a disposición do público a tres bandas permite que, dende a proximidade, poidamos viaxar por todo o imaxinario e o conflito dunha muller que loitou contra moitos elementos opresores dentro e fóra do seu fogar. A peza fala do episodio biográfico da autora, unha depresión posparto e unha diagnose castrante por parte do seu marido médico para protexela inicialmente de toda fantasía, delirio ou presunta irracionalidade. Pero o espectáculo tamén nos leva a sentir esa claustrofobia, ese paternalismo e esa opresión social contra a que loitou esta precursora e contra a que loita aínda hoxe a muller emancipada e empoderada en moitos ámbitos sociais.

Cal é a diferencia entre o teatro alternativo e o comercial?

Nos teatros e salas do país existe unha oferta moi diversa de espectáculos e modelos de ralación co público. Cada espectáculo chama a relacionarse con distintas capas sociais e o que as persoas espectadoras procuran no teatro non sempre é o mesmo. Estes días asistimos a espectáculos máis alternativos e outros máis comerciais, todos necesarios para o xusto equilibrio da oferta e acceso ás Artes Escénicas.

Por unha banda, está a rematar a xira do popular espectáculo Somos criminais, protagonizado por Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. Unha comedia crítica sobre as maneiras “criminais” dos comportamentos de galegos e galegas. Un espectáculo deseñado en base á actualidade, noticias e apelación directa ao contexto. Vista por máis de 50.000 espectadores/as, a xira remata esta fin de semana en Narón.

E se no máis comercial remata, de momento, o percorrido deste espectáculo, outro comeza no máis alternativo. Estreado a pasada fin de semana na pequena sala Ensalle de Vigo, Inevitable, do Colectivo Marciano Balboa (Laura Iturralde, Borja Fernández e Diego Anido) repasa os ritos relixiosos de xeito paródico, empregando feitos e accións coma saetas, procesións, levitacións e iconografías relixiosas coma a cruz, para falar de fanatismos e outras experiencias místicas a partir dun personaxe inspirado nas películas de Rambo e con altas doses de impacto visual e físico.

O libro ’36 personaxes e un can’ explica como preparar un casting

A partir do libro 36 personaxes e un can, de Gustavo Pernas, falamos da profesión do actor e da actriz, da formación permanente, da preparación do casting, da inestabilidade deste oficio, da necesidade de reciclaxe constante.

O dramaturgo despeza os elementos dramáticos e ofrece de xeito lúdico unha serie de exercicios acompañados de pequenas escenas que condensan dramas, situacións grotescas, inesperadas ou cargadas de humor e intriga.

Algo máis ca un manual, este é un testamento dramático dun dramaturgo a pé de escena, na rúa das sociedades urbanas, nas entrañas dos conflitos que están baixo a capa dun filtro social aparentemente feliz.

Teatro afeccionado co libro ‘A Lola’, de Manuel Ayán

A diversidade de grupos de teatro afeccionado ou escolar ten dado e segue a xerar moitos froitos, tanto para a dinamización no ámbito da creación como da recepción escénicas. Non se pode entender o progreso do teatro profesional galego sen a existencia de colectivos que en distintas comunidades ensaian, escriben, traducen ou experimentan arredor da Arte teatral.

Hoxe fixámonos no libro A Lola, de Manuel Ayán (Laiovento). Un texto escrito para o grupo teatral Argallada de Pontevedra e que nos leva, a través dunha historia tráxica de descubrimiento do pasado de represión, ambición e dogma nacional católico do franquismo, á vixencia da defensa da igualdade, da educación laica, do feminismo, da liberdade de expresión, do respecto á diversidade. Unha trama determinada polo “pasado non ausente”, como se indica no propio libro. Unha das moitas experiencias éticas, democráticas, cívicas, participativas, lúdicas e de aprendizaxe que o teatro afeccionado nos brinda, neste caso a través da fábula de dous mozos que, ao querer casar, descobren que son irmáns, froito de moitas historias ocultas do pasado franquista.

Pin It on Pinterest