Todas as colaboracións

As novas tecnoloxías na obra ‘Despois das ondas’

Seguimos falando do uso de novas ferramentas e linguaxes no teatro galego a través do espectáculo “Despois das ondas”, que parte do texto de Ernesto Is, gañador do premio Rafael Dieste en 2017. Un premio convocado pola Deputación da Coruña que agora inclúe nas súas bases a escenificación da obra gañadora. Encárgase da representación a compañía Butaca Zero, con dirección de Xavier Castiñeira.

“Despois das ondas” é un espectáculo teatral e tamén un filme en directo. Inclúe elementos novidosos como a presenza dun sonidista en escena que acompaña as accións proxectadas nunha gran pantalla central. O xogo e o artificio non se ocultan. A peza é unha viaxe pola vida da actriz galega María Casares, exiliada en Francia coa súa familia desde a guerra civil. Nerea Brey interpreta a Casares moza e Belén Constenla encarna a actriz no seu regreso a España nos anos 70.

Redescubrindo a Rosalía de Castro

Aproveitando que estamos na Semana das Letras, Alba Cid achéganos á figura da padroeira das Letras Galegas -Rosalía de Castro – co reto que propón Helena González en Rosalía feminista e mais a nova edición de En las orillas del Sar, con estudo, edición, notas e comentarios de Anxo Angueira. 

Lecturas para coñecer un pouco máis a Antonio Fraguas

Nesta semana tan especial na que celebramos o Día das Letras Galegas, Armando Requeixo ofrécenos unha panorámica dalgunhas das publicacións que con tal motivo foron aparecendo arredor da vida e obra de Antonio Fraguas Fraguas, o persoeiro que este ano homenaxeamos.

Para aquelas persoas interesadas na súa escrita etnográfica, histórica e xeográfica convida á lectura dos ensaios breves Do tempo e dos astros (Galaxia) e O Santuario da Franqueira (Galaxia), amais das compilacións Antonio Fraguas. As cousas de Antonio de Insuela (Xunta de Galicia) e Antonio Fraguas Fraguas. Primeiros estudos etnográficos (1930-1932) (Consello da Cultura Galega).

Para os máis interesados na súa faceta intelectual e biografía literaria Requeixo recomenda, para a xente máis nova, Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo (Xerais) de Héctor Cajaraville e, para o público xuvenil e adulto, o máis completo Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia), de Malores Villanueva.

Finalmente, pensando nos máis noviños da casa e no traballo nas escolas lembra a aparición dalgúns valiosos materiais como o cómic de Pepe Carreiro Antonio Fraguas (Bolanda), pertencente á serie Os Bolechas; o relato ilustrado A detective Peregrina e o insólito ‘caso Antón Fraguas’ (Lela), de Enrique Mauricio e Carlos Taboada; ou o álbum-disco Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas (Galaxia), de Xoán Curiel.

Escoitamos música composta para homenaxear a Antonio Fraguas

Ofrecemos hoxe dous agarimos musicais a Antonio Fraguas, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A primeira delas é unha muiñeira composta por Rubén Troitiño que foi gravada conxuntamente por catro agrupacións de Cededo – Cotobade. A segunda unha peza, composta e interpretada por Samuel Soto.

Por último, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, escoitamos ao cuarteto Manseliña que nos presentarán o seu primeiro traballo discográfico no que traballaron con cantigas medievais e tradicionais do noroeste da península ibérica.

Libros sobre Fraguas para o público infantil

Montse Pena Présas trae hoxe propostas para achegarlle a Antonio Fraguas ao público infantil:

Héctor Cajaraville publica en Xerais Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo. Unha biografía pensada para a rapazada que sintetiza a longa vida do homenaxeado no Día das Letras cunha escritura fluída e coidada. Recóllense moitas anécdotas da vida de Fraguas e remárcanse, sen caer en maximalismos, algúns dos momentos máis duros da vida de Fraguas, especialmente o acontecido en 1936.

Galaxia achega un libro-cd de Xoán Curiel con ilustracións de Nuria Díaz, Canta miña pedra, canta. Curiel crea algunhas cancións de seu sobre Fraguas e a súa vida, pero tamén recolle certas composicións do Cancioneiro de Cotobade. O máis interesante das cancións son precisamente a conxunción de diferentes ritmos, dende os máis tradicionais ata sons achegados ao pop e rock lixeiro ou aos ritmos do mundo, especialmente de raíz brasileira.

Janet Novás e Mercedes Peón presentan ‘Mercedes máis eu’

Rut Balbís convídanos a coñecer ‘Mercedes máis eu’ de  Janet Novás e Mercedes Peón este sábado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e tamén dentro do Residencia Paraíso 2019, a mostra de Davide González Lorenzo na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta en Santiago de Compostela o 9 de maio.

O teatro e a tecnoloxía dixital

As tendencias escénicas amósannos a forte presenza que a linguaxe do cinema ou o uso de ferramentas tecnolóxicas, dispositivos ou códigos da comunicación dixital teñen na escenificación.

Comezamos este percorrido polo espectáculo Interferencia varada da compañía Xerpo, residente na Sala Ingrávida do Porriño. Esta é unha peza especial para a compañía, de tránsito e de nexo entre a poesía (visual e verbal, cos haikus da escritora Helena Villar Janeiro) e a tecnoloxía.

Dende a vídeoconferencia, a proxección de transparencias, fragmentos de filmes ou unha cámara que recolle primeiros planos e obxectos, toda unha serie de elementos que se mesturan coa estética Wabi-Sabi, a expresión verbal condensada e asombrosa do haiku e a reflexión conceptual sobre o espazo e o tempo.

Un tempo e un espazo adicado á contemplación, á emoción e á visibilización da obra e das descobertas de mulleres pioneiras coma Jocelyn Bell, Hedy Lamarr ou Hannah Courtay. Un posicionamento ideolóxico claro e xusto da directora e do actor (Irene Moreira e Álex Sobrino) con respecto á ciencia, a arte e o feminismo.

Coñecemos a relación música-texto das cantigas do s.XIII

Luis Miguel Crespo celebra o ‘Mes das Letras’ achéganos a aquelas composicións que combinan música e letra, coñecendo un pouco máis como foi esta relación música-texto ao longo da historia da nosa lingua.
Comeza así pola lírica en lingua vernácula galego-portuguesa do s. XIII, representada polas Cantigas de Martín Códax, as Cantigas de Santa María, e as Cantigas de Don Dinís de Portugal. Uns cancioneiros que son fontes de información de incalculable valor que amosan a importancia que adquirira o galego–portugués como vehículo de expresión lírico de primeira orde, tendo tamén moita información sobre como era a música que acompañaba a eses textos.

Lemos as biografías de Castelao e Rafael Dieste

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas biografías literarias de gran calado: Castelao. Construtor da nación (Tomo I.1886-1930), de Miguel Anxo Seixas Seoane, e mais Rafael Dieste. O libre pensamento, de Luís Rei Núñez.

Castelao. Construtor da nación (Tomo I. 1886-1930) (Galaxia) é a primeira entrega dunha triloxía na que o investigador e ensaísta Miguel Anxo Seixas Seoane dá conta, polo miúdo, da vida e obra de Castelao en todas as súas facetas, momentos, relacións, implicacións e interpretacións. Este primeiro volume, que supera as mil trescentas páxinas, analiza en profundidade a peripecia vital do xenial escritor, sobranceiro intelectual e insigne galeguista dende o seu nacemento ata o comezo da década dos anos trinta, un tempo de formación e pronta consagración como pintor e prosista.

Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais) reescribe e pon ao día o libro A travesía dun século. Biografía de Rafael Dieste, publicado por Luís Rei Núñez en 1987 en Ediciós do Castro. O resultado é unha obra nova, máis extensa e rica na información contida, nas interpretacións ofrecidas e no volume de fontes manexadas para ofrecer esta achega actualizada e mellorada respecto daquela primeira aproximación. O relato de vida de todo un clásico contado co oficio e a solvencia dun destacado narrador actual.

Cristina García Rodero presenta ‘Terra de soños’

Rosario Sarmiento achéganos a homenaxe a pintora Berta Caccano, tras un ano do seu falecemento, o día 10 de maio no CGAC; e a mostra ‘Terra de soños’ da fotógrafa Cristina García Rodero, a única española que forma parte da axencia Magnum.

Pin It on Pinterest