Todas as colaboracións

Alicia no país das marabillas, un libro para a rapazada

Hoxe falamos dun dos autores de literatura infantil máis coñecidos de todos os tempos, Lewis Carroll, e da que tamén é a súa obra máis coñecida: Alicia no país das marabillas. Estamos afeitas a ver a historia en soportes tan diferentes que nunca está de máis coñecer a historia orixinal. Ademais, pódese dicir que Alicia foi un dos primeiros clásicos xuvenís en estar traducido ao galego e, de feito, a súa tradución, realizada por Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro, conseguiu en 1985 o Premio Nacional -Estatal- de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís.

Lewis Carroll foi un personaxe moi interesante, que combinou a súa faceta de escritor de textos para a rapazada co seu posto como matemático e diácono en Christ Church, un dos colexios de Oxford. O seu nome orixinal era Charles L. Dodgson e combinaba o seu traballo en Oxford con afeccións artísticas, como eran a fotografía, inventar xogos ou diferentes contos e poemas. A cerna de Alicia haina que buscar na relación que establece coas fillas de Henry Lidell, compañeiro seu en Christ Church. Canda outro amigo, lévanas de picnic e aí prende o argumento da historia, no conto que Carroll/Dogdson lle conta á mediana delas, Alicia, para entretela nese paseo á beira do río, que permite tamén entender o comezo da obra.

Propoñemos volver a Alicia porque nunca cansamos de seguir a ese coello que chega tarde polo seu tobo, porque é un canto á imaxinación, ao disparatado, a ese corpo que se pode volver pequeno, pequeno ou grande, grande só comendo algo, porque é unha oportunidade para ver como se mestura o victorianismo da época de Carroll coa súa parte máis surrealista, porque ten un pouso de conto no que semella que van ocorrendo cousas inesperadas aparentemente soltas entre si, porque hai que perderlles o medo ás obras das que tanto se fala. É unha obra que se pode ler e ver en familia (dende o clásico de Disney á última Alicia de Tim Burton), porque nos ensina cousas que non valen para a vida práctica, senón para a interior (“O tempo é un señor).

En galego podemos lela en Xerais, nunha versión con notas ao pé e limiar, nas edicións de Cumio e Everest, pensadas para as máis cativas da casa, e a edición case de coleccionista de El Patito Editorial, con tradución de Xabier Queipo e cunhas singulares ilustracións de Fausto Isorna.

Falamos do Resurrection Fest

Comeza unha nova edición do Resurrection Fest. Descubrimos todos os segredos do festival con Tito Lesende.

A ópera galega ‘O arame’ chega a Nova York

A ópera galega ‘O arame’ chega a Nova York. Así comezamos a sección de música clásica de Luís Miguel Crespo.

As variantes do humor na Mostra de Cangas

O humor en todas as súas vertentes orienta a Mostra de Teatro de Cangas.

A gran ofensa, formato televiso procedente de Cataluña que fai partícipe á persoa espectadora converténdoa en xurado popular para ditaminar o veredito duns humoristas acusados por unha vítima do terrorismo por atentar e ofender cos seus chistes ao seu honor. Cando deixa de ser humor un exercicio cómico libre e pasa a ser un delito, por enaltecemento do terrorismo ou incitación ao odio, por exemplo?

Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval amosa un humor apegado a outro contexto explorado polo comediante, que investiga e documenta léxico, anécdotas e historias verosímiles da veciñanza do seu lugar natal. A sociedade, a recepción é a que perfila o humor e a súa eficacia, o grao de tolerancia, o poder e o valor concedido.

Estes días no festival de Cangas podemos tomarlle a temperatura ao tratamento do humor, ao debate que xera e o moito que nos libera, nos proe ou nos remove.

Libros para o lecer estival

Principiamos o mes de xullo e Armando Requeixo tráenos a recomendación de dous interesantes títulos que poden acompañarnos nas horas de lecer estival: a novela Detrás dos perdidos de Pedro Rielo e os relatos de Un peixe no parqué de Ramón Vilar Landeira.

Detrás dos perdidos (Embora) é unha narración de intriga e aventura que, ao tempo, retrata a Galicia dos oitenta a través dos ollos de Fran, un mozo da cidade de Pontevedra quen, ao rematar o curso e chegar o verán, se ve obrigado a acompañar a seus pais á remota aldea de Caldarcos, no interior do rural lugués. Secasí, o que Fran coida que ha de ser unha estancia aburridísima acaba por resultar un tempo emocionante, cheo de peripecias e vivencias únicas que o transformarán definitivamente.

Un peixe no parqué (Xerais) reúne un feixe de case unha vintena de relatos curtos que, dunha ou doutra maneira, recuncan na reflexión sobre o baleiro existencial da modernidade. Os personaxes destas historias son seres que sobreviven ás súas orfandades, frustracións ou soidades, tamén ás súas eivas afectivas e ao desencanto da monotonía dos días idénticos en sucesión interminable. As súas vidas son un espello que nos convida a reflexionar sobre a hipocrisía que nos rodea, o acomodaticio no que con tanta facilidade nos instalamos e as mentiras coas que tratamos de enganar os demais e, o que é peor, a nós mesmos.

Falamos da mostra de fotografía ‘Refuxiadas’

A colaboración de arte con Rosario Sarmiento céntrase na mostra de fotografía Refuxiadas. Mónica González, Lorena Ros, Judith Prat e Natalia Sancha documentan o éxodo, a violencia e a desigualdade que miles de mulleres sofren no mundo.

Isabel Greenberg, convidada en Viñetas

Empezamos o repaso polos autores e autoras convidadas á próxima edición de Viñetas desde Atlántico, entre o 5 e o 11 de agosto na Coruña.

A británica Isabel Greenberg é unha das novelistas gráficas máis interesantes aparecidas nos últimos anos. Demostra o seu talento como contadora de historias en obras como ‘The Encyclopedia of Early Earth’ e ‘The one hundred nights of Hero’, que contan con tradución ao castelán.

A asociación de realizadores audiovisuais entrega os Premios Crea

Na sección de Beli Martínez falamos dos Premios Crea. Entre os premiados temos a Oliver Laxe, pola internacionalización do noso cinema. As mulleres de Teño unha horta en San Sadurniño reciben o premio á igualdade por poñer en valor o rural e achegar as novas tecnoloxías ás mulleres de San Sadurniño.

Repasamos autores clásicos da literatura infantil e xuvenil

Este verán recuperaremos autores e autoras clásicas da literatura infantil e xuvenil que podemos ler en galego.

Empezamos hoxe con Anthony Browne, un autor británico que quizais sexa un dos mellores autores de álbums ilustrados de todos os tempos. Caracterízase por unha visión irónica da sociedade e por crear unhas obras aparentemente moi infantís que, non obstante, gardan mensaxes moi interesantes para o mundo adulto. Publicou máis de 50 libros infantís, creados e ilustrados por el mesmo, que lle valeron, entre outros, o Premio Hans Christian Andersen, algo así como o Nobel da LIX. Falamos hoxe de dúas das súas obras:

“O libro dos porcos” é un álbum de 1986, publicado en galego por Kalandraka e traducido por Xosé Manuel González Barreiro. O argumento conta como nunha familia tradicional inglesa, formada por unha nai, un pai e dous fillos, todas as tarefas do fogar recaen precisamente na muller, que se ve obrigada a limpar e cociñar para os homes cos que convive, que recollen máis ben pouco. Pero un día, a nai rebélase e marcha, deixando unha nota que só di: sodes uns porcos. A partir de aí e a sopresa vén, sobre todo, da banda da ilustración: Browne pinta o pai e os dous fillos como uns porcos. Non por acaso, a familia chámase de apelido “Porconi”.

“Un paseo polo parque”, unha das súas primeiras creacións, tamén está publicada por Kalandraka en tradución de Sandra e Óscar Senra. Tamén trata unha cuestión social, agochada nunha historia bastante convencional: un pai, unha filla e o seu can van dar unha volta a un parque da cidade, o mesmo que outra familia formada por unha nai, un fillo e unha cadela. Mentres os animais e os nenos son quen de xogar e deterse nas cousas miúdas, os adultos son incapaces de se mirar á cara e de falar minimamente. Detrás desa historia, e a través das ilustracións, obsérvase unha diferenza de clases sociais moi evidente, tanto a través de como van vestidos os personaxes, como deténdose nos edificios onde viven.

Estas dúas obras son un convite a descubrir a un creador moi orixinal, de textos aparentemente sinxelos, que se apegan fortemente a unhas imaxes máis difíciles de ler, máis misteriosas e tamén máis potentes. Os álbums de Browne son especialmente interesantes porque sempre aluden a unha lectura infantil, máis inocente, quizais, menos complexa, e a unha adulta que adoita remover máis.

Falamos do ciclo TerraZeando en Compostela

Comezamos sección de música con Tito Lesende falando do ciclo TerraZeando. Unha proposta musical para dinamizar as rúas de Compostela nestas tardes de verán. Tamén falamos de dous citas musicais moi importantes en Galicia: o Portamérica e o Resurrection Fest.

Pin It on Pinterest